O MUSEO

O Mitreo, lugar onde se celebra o culto do deus Mitra, de orixe oriental, sitúase na primeira planta da domus. É un edificio de pequenas dimensións (154 m2), como era habitual nestes cultos realizados por grupos reducidos de fieis. 

Presenta a planta característica destes templos: unha nave central con pilastras laterais, que probablemente tería a ambos os dous lados bancos de madeira que non se conservaron. O chan, que parece semellar o dunha cova, é artificial e foi conscientemente elaborado desta forma para adaptarse á lenda mitraica. Non se atopou a imaxe do deus que debería estar ao fondo da nave, pero acháronse restos de bronce que poderían pertencer a ela. Dispomos, con todo, dun achado excepcional, unha inscrición votiva cun magnífico grao de conservación, tanto do soporte como do texto, que se pode ler na súa integridade:

Deo / Inuic(to) Mithrae / G(aius) Victorius Vic/torinus (centurio) L(egionis) VII G(emina) / Antonianiae P(iae) F(elicis) / in honorem sta/tionis lucensis / et Victoriorum / Secundi et Vic/toris lib(ertorum) suor/um aram po/suit libenti animo (hedera)
Ao invicto Mitra, Gaius Victorius Victorinus, centurión da Lexión VII Gemina Antoniniana Pía Feliz, en honra da statio de Lucus Augusti e dos Victorios Secundus e Victor, os seus libertos. Colocou esta ara de bo grao.

O texto non só nos fala do deus senón que tamén nos permite coñecer a identidade do dono da casa, Victorio Victorino, e a de dous dos seus libertos, aos que tamén lles dedica a inscrición. Sabemos, ademais, cal era a súa ocupación e posición social, a de centurión da statio, un edificio de control da administración romana. A ara pode contemplarse in situ, no mesmo lugar en que foi atopada.

O lugar onde

se celebraba

o culto

ao deus Mitra