A VISITA

Días de visita gratuita
Os primeiros mércores de mes
O  Día Internacional dos Monumentos e Sitios (18 de abril) 
O Día Internacional dos Museos (18 de maIo)
Idiomas

Aténdese ao público e realízanse visitas guiadas en castelán, galego e inglés.

Visitas guiadas

As visitas guiadas realízaas o guía do Museo, e teñen unha duración aproximada de 40 minutos. A reserva previa pode facerse telefonicamente (610 323 926) ou en museomitreo.lugo@fundacionusc.gal.   

É posible solicitala en castelán, galego e inglés.

 

Visitas escolares

A información para organizar a visita atópase en Recursos Didácticos.
 
 

Visita individual

Percorrido suxerido

Baixando desde o vestíbulo de entrada chégase a unha primeira plataforma, onde un panel situado na parede, á nosa esquerda, explícanos a historia da domus e dos seus elementos principais, reconstruídos en tres dimensións.
Desde esa mesma plataforma podemos ver o vídeo que se proxecta cada media hora e que, cunha duración aproximada de cinco minutos, nos vai explicar o contexto histórico da cidade e deste edificio. Continuamos a visita baixando pola escaleira da dereita, que nos conducirá ao nivel inferior da escavación.

Aquí pódense ver algunhas das dependencias da domus: o oecus (salón), o cubiculum (cuarto), a culina (cociña) e o peristilo (patio porticado), así como a parte inferior da muralla. Vólvese ao piso superior, ata chegar ao Mitreo, pola escaleira da dereita, desde onde se poden contemplar os restos do sistema hídrico da domus, coas súas canalizacións, e as trazas da escaleira que levaban ao piso superior da vivenda.

Xa no primeiro piso, podemos ver o Mitreo e a inscrición votiva conservada in situ. Á esquerda do templo e na parede do fondo atópase unha reconstrución do teito do salón principal (oecus) e do seu sistema de control de humidades, realizado segundo os principios descritos na obra do arquitecto Vitruvio.
Terminado o percorrido do xacemento ascendemos de novo ao vestíbulo para continuar a visita no primeiro piso. Nesta primeira planta explícase a evolución deste espazo e exponse material seleccionado dende época romana ata o S.XX .